En marzo do 2008 a Comisión Europea adoptou a Regulación EC 282/2008, que establece os requirimentos para plástico reciclado usado en aplicacións en contacto con comida. O obxectivo da regulación é igualar as condicións en Europa, xa que ata agora o estatus legal do plástico reciclado variaba dun país europeo a outro. A falta de lexislación específica dificultaba a competición aos plásticos reciclados, estando estes en desvantaxe cos polímeros virxes neste sector. A CE está simplemente sendo consecuente co xa establecido na directiva 94/62/EC, que promove a reciclaxe de residuos de embalaxe. Porén a regulación aquí tratada cobre, ademais da embalaxe de comida, cubertos, pratos, maquinaria de procesamento, colectores, etc.

Só os plásticos que xa foron utilizados en contacto con comida, ou os que cumpren cos requirimentos para facero, están cubertos pola directiva. Están excluídos da mesma os seguintes plásticos:

  • materiais obtidos por reciclaxe química, que se recollen na Directiva 2002/72/EC sobre monómeros e aditivos
  • plásticos reciclados usados tras unha barreira polimérica funcional
  • refugallos industriais, é dicir recortes e refugallos do proceso produtivo

A regulación establece uns requisitos mínimos na eficiencia do proceso de reciclaxe. Estes requisitos serán avaliados pola Autoridade europea de seguridade dos alimentos, EFSA nas súas siglas en inglés. Os maiores riscos asociados aos plásticos reciclados en aplicacións en contacto con comida veñen dadas por contaminación. A contaminación pode provir das seguintes fontes:

Produtos químicos usados no proceso de reciclaxe

Produtos de degradación do polímero ou os seus aditivos

O residuo de plástico en si pode conter contaminación, xa sexa de materiais que non cumpren as regulacións de contacto con comida ou porque foron contaminados durante o seu uso.

O proceso de reciclaxe será xestionado por un sistema de control de calidade, que pola súa parte debe rexerse polas normas detalladas na regulación EC 2023/2006.

En xullo do 2008 EFSA publicou as directrices para os candidatos que desexen a avaliación da seguridade de plásticos reciclados para uso en contacto con comida, despois dunha consulta pública. As candidaturas para a avaliación de procesos poden ser xa entregadas. Aínda que EFSA avaliará os procesos, será a Comisión Europea a que os aprobe. Os procesos aprobados serán rexistrados. Se un proceso é aprobado pola Comisión Europea, esta decisión non pode ser revogada por un país membro.

A reciclaxe dos plásticos usados en embalaxe de comida estivo impedido por outros factores, ademais da falta de lexislación específica. O maior problema ata o momento foi a variedade de plásticos utilizados, que teñen que ser separados antes de reciclarse mecanicamente. Aínda que é tecnicamente posible, segue sendo en boa parte custoso e mal negocio. Para máis información, podedes visitar o proxecto levado a cabo por  WRAP en opcións de xestión de residuos domésticos mesturados de plásticos.

O que sise recicla  en cantidades apreciables son as botellas. O feito de que a maior parte sexan do PET e HDPE, xunto a eficientes sistemas de recollida en varios países europeos, adoita facer a súa reciclaxe rendible. Por suposto, unha parte das botellas non se reciclan en Europa, senon en países como India ou China, onde se transforma entre outras cousas en téxtiles.

Quizais a nova directiva, que abre un novo mercado para este tipo de plástico reciclado, consiga que os recicladores se animen a valorar plásticos dos residuos urbanos. Esperemos que sexa así, porque realmente non ten moito sentido mandar plástico a Asia para que sexa reciclado.

Ligazóns de interese:

Regulación EC 282/2008

Directiva 94/62/EC

Directiva 2002/72/EC

Regulación EC 2023/2006