Levo unha semana seguindo con fascinación un experimento levado a cabo por unha reporteira da BBC, Chris Jeavans. A través dun blogue titulado A month without plastic, un mes sen plástico, Chris cóntanos a súa aventura de non consumir plástico durante un mes. As regras do experimento son sinxelas: durante un mes non debe comprar nada que conteña plástico, pero pode utilizar o que xa ten.
Para prepararse e ilustrar máis claramente o seu obxectivo, Chris gardou durante un mes todo o plástico que consumía. Se queredes ver un vídeo explicativo do que obtivo despois dun mes de colecta, seguide esta ligazón. Recoméndovolo porque é bastante gráfico. Nel Paul Davidson, experto en plásticos de WRAP, explica de que están feitos os produtos, como poden ser reciclados e algunhas alternativas moi doados para reducir o consumo de plástico. Para aqueles que non entendades inglés, a táboa explicativa de máis embaixo resume o que Paul Davidson nos conta.
Chris Jeavans está a conseguir unha gran resposta mediática, creando un san debate sobre como usamos o plástico. Para algúns o impacto de ver todo o plástico consumido por unha persoa nun mes é xa bastante, porque non é algo que teñamos presente. Tamén hai que dicir que tería o mesmo impacto se o fixésemos con calquera outro produto que consumimos habitualmente. Se non me credes intentade imaxinar canta comida, papel ou cristal consumides nun mes. Asombrarédesvos. O que o experimento de Chris demostra é que podería vivir sen a maior parte do plástico que usa, pero hai outra pequena parte que lle resulta moi difícil evitar. A distinción entre ámbolos dous tipos de produtos, os que poden ser substituídos facilmente e os que non, é esencial.
Así que na miña opinión este sinxelo e obvio experimento mostra o público en xeral canto plástico malgastamos. A month without plastic bebe doutros movementos, como o downsizing ou consumismo anti-consumismo, que anima a sociedade a consumir e malgastar menos. Aínda que o consumismo anti-consumismo non é novo, o mundo global bríndalle moitas máis oportunidades de facer chegar a súa mensaxe.
O experimento comezou o 1 de agosto. Desde entón Chris cóntanos cada día como se apaña nun día de excursión ou para substituír certo tipo de produto plástico. Os produtos que ten tratado ata o de agora son os seguintes:
- Vasos reutilizables para té o café, PS expandido ou de papel cunha capa de PS
- Embalaxe de produtos frescos, en particular bandexas ríxidas e transparentes para froita
- Botellas, HDPE e PET
- Bolsas de basura, PE
- Pañais, estrutura multicapa e o xel superabsorbente poliacrilato de sodio
Collendo a explicación de Paul Davidson e algo de información extra da web, fixen esta pequena táboa que resume como se poden reciclar algúns dos produtos, que alternativas existen. Non pretende ser unha explicación exhaustiva porque a reciclaxe de cada produto é un mundo.
Pretendo seguir o blog de Chris durante todo o mes e deséxolle moita sorte. Espero que as compañías que fabrican produtos plásticos tamén o sigan, polo menos para saber en que lado da balanza acaba o seu produto, no de “plástico que podo aforrar” ou “plástico sen o que non podo vivir”.
Esta nova noutros medios:
A month without plastic – the blog
photo credit: jonny2love




