Introdución
Síenteste perdido respecto do estatus legal do teu lixo? Creme, non estás so. A Unión Europea ten moitas directivas que lexislan o tema dos residuos. Así presenta a UE o tema dos residuos na súa páxina web, http://europa.eu:
Cada ano prodúcense case dous mil millóns de toneladas de residuos nos Estados membros, incluídos residuos especialmente perigosos, e esta cifra non deixa de aumentar. A almacenaxe destes residuos non é unha solución sostible e a súa destrución non resulta satisfactoria debido aos refugallos que se producen como derivados e aos residuos moi concentrados e contaminantes. A mellor solución segue a ser previr a produción de residuos e en reintroducirlos no ciclo de produción mediante o reciclado dos seus compoñentes cando existan solucións sostibles desde os puntos de vista ecolóxico e económico.
Se estades interesados en residuos e lexislación europea, esta é a ligazón pola que deberías empezar: Europa – Xestión dos residuos. A nai de todas as directivas sobre residuos, a que senta as bases legais para as demais, é a directiva 2006/12/CE. Para os que non estedes familiarizados coas directivas, os primeros números corresponden ao ano en que se aprobaron (2006) neste caso. As siglas CE significan que foron aprobadas pola Comisión Europea. Se as siglas son CEE o órgano que as aprobou foi o Consello. Atopar o texto dunha directiva una vez se ten o nome é relativamente fácil. Eu búscoas con google, introducindo o nome, e nunca falla.
A directiva 2006/12/CE busca reducir a cantidade de residuos producidos en Europa. Entre os seus obxectivos tamén se encontran promover a reciclaxe e reducir a cantidade de lixo que acaba en vertedoiros. O termo medio entre a reciclaxe e o vertedeiro parece ser a incineración con recuperación de enerxía, que é máis barato que reciclar e menos daniño para o medio ambiente que a vertedura. Non se obtén ningún material da incineración, obviamente, así que non limita o noso consumo de materias primas, como fai a reciclaxe.
Todos os residuos poden ser clasificados en catro categorías, que son rexidas por directivas diferentes:
- Residuos perigosos: directiva 91/689/CEE
- Residuos xerados pola actividade humana (encántame o escolleron para este, realmente reduce as posibilidades), que inclúe residuos de minaría, desmantelamento de barcos, dióxido de titanio, lodos, etc
- Residuos e substancias radioactivas
- Residuos xerados polos bens de consumo
Aínda que todas as categorías son interesantes, voume a centrar un pouco na de residuos xerados polos bens de consumo, que son os máis xerais. Estes divídense nas seguintes categorías:
- envases: directiva 2004/12/CE
- PCBs e PCTs: directiva 96/59/CE
- Pilas e acumuladores: directiva 2006/66/CE
- aceite: directiva 75/439/CEE
- vehículos: directiva 2000/53/CE
- aparatos eléctricos e electrónicos, AEE: directiva 2002/96/CE
Os PCB e PCT necesitan unha directiva especial, xa que representan un perigo para a saúde e o medio ambiente. Foron utilizados masivamente como refrixerantes en neveiras e agora acumúlanse nos nosos vertedoiros mentres intentamos desfacernos deles de xeito seguro, o cal supuxo un reto tecnolóxico. A directiva 96/59/CE dá directrices de cómo deben recollerse, almacenarse e finalmente desbotarse estas sustancias.
De forma semellante, a Comisión europea fixou porcentaxes máximos para o contido de mercurio ou cadmio nas pilas e acumuladores na directiva 2006/66/CE, ao tempo que promovía a reciclaxe e eliminación segura dos que xa se encontran no mercado. Outros grupos especiais de residuos son os aceites, rexidos pola directiva 75/439/CEE.
Se queredes saber máis sobre a directiva RAEE, sobre residuos de aparellos electrónicos e eléctricos, anímovos a consultar o meu post sobre ela e a súa relación con RoHS e REACH. Sobre as directivas relacionadas cos envases e os coches espero poder escribir pronto en detalle, xa que afectan directamente ao plástico.
Xerga moi importante
Para entender os requirimentos das directivas de residuos en xeral, hai que coñecer o argot, o que significan os termos máis importantes, así que aí vai esta lista:
recollida
Calquera tipo de residuo debe ser recollido separadamente doutro e almacenado de maneira segura ata que sexa tratado. Por toda europa creáronse sistemas de recollida para as cousas máis diversas, desde pilas ata coches. Recoller e almacenar residuos é de por si un negocio hoxe en día. As novas directivas fan responsables aos produtores da recollida, que teñen que organizar e pagar (en moitos casos subcontratados, claro).
reutilización
Un produto ou algunha das súas partes é reusado sen tratamento químico ou físico. Esta é sen dúbida a mellor opción, pero resulta difícil hoxe en día saber que cantidade dos nosos residuos é reempregada antes de ser descartada definitivamente. As iniciativas privadas ou particulares son as máis exitosas á hora de promover a reutilización, como é o caso de proxectos que envían móbiles ou ordenadores a países en vías de desenvolvemento, dandolles unha vida nova.
reciclaxe
Unha gran variedade de materiais pode ser recuperada dos nosos residuos e mediante un tratamento físico ou químico, voltar ser usados na cadea de produción. A forma máis común de reciclaxe é a física, en que non existe un tratamento químico. Existen moitas discusións a nivel europeo para decidir se a reciclaxe química dos plásticos, polo que os plásticos se transforman de novo en monómeros que poden ser usados para producir plásticos de novo, é ou non reciclaxe. Cando a Unión europea fixa un obxectivo de reciclaxe, normalmente unha porcentaxe mínima de peso que debe ser reciclado para unha categoría, inclúese nel a reciclaxe e a reutilización, xa que esta segue a ser a mellor opción.
Incineración con recuperación de enerxía
Os residuos que non son reciclados ou reempregados so poden acabar en dous sitios, ou vértense ou quéimanse. Se os residuos van ser queimados, polo menos recuperemos algo deles, é dicir, enerxía. A vantaxe deste método é obvia: é barato. Non hai necesidade de separar os residuos e a tecnoloxía para facer os incineradores seguros xa existe, aínda que non sempre sexa utilizada. En contra, pois que non se recupera ningún material, polo que novos materiais teñen que ser producidos.
valorización
Neste saco cabe todo aquilo que non sexa verter os residuos. A reutilización, a reciclaxe e a incineración con recuperación de enerxía contan á hora de acadar un obxectivo de valorización.
vertido
ben, pois todo o que non é valorado é unha vertedura. Este pode ser en vertedoiros legais ou incontrolados, que son, de lonxe, a peor opción.
Conclusión
As directivas relacionadas cos residuos de bens de consumo tenden a ter obxectivos diferenciados de reciclaxe e valorización, para evitar o uso masivo da incineración. Ata agora a maior parte dos obxectivos de reciclaxe obtíñanse reciclando o metal, que segue a ser o grupo de material máis rendible de reciclar. Novos obxectivos máis esixentes na reciclaxe de coches e equipos electrónicos forzarán a reciclar plástico e outros materiais, o cal se está convertendo nunha poderosa razón para o desenvolvemento de novas tecnoloxías de reciclaxe en Europa. Estas novas tecnoloxías da reciclaxe merécense unha entrada, que prometo farei. Pero creo que antes tocará algunha sobre a reciclaxe de coches, envases ou plásticos.
Fontes
Xestión de residuos na Unión Europea
directiva de residuos: 2006/12/CE
residuos perigosos: 91/689/CEE
pilas e acumuladores: 2006/66/CE
PCB e PCT: 96/59/CE
aceite: 75/439/CEE
RAEE: 2002/96/CE
ELV (vehiculos): 2000/53/CE
envase: 2004/12/CE



