MUNDOMATERIAL

Innovación e Materiais

Sobre equiplast

Publicado por admin El 16 - April - 2010 This post is also available in: Castelán

Comezo unha serie de entradas que estarán dedicadas a Expoquimia, Equiplast e Eurosurfas. Non decidín aínda a orde nin a organización deses posts. Volvín a casa como todos os curiosos natos coma min que van a este tipo de eventos: con moitísima documentación, tarxetas de xente coa que falaches 5 minutos e impresións sobre a industria química en España.

Por pórvos en situación, os tres salóns son máis de 130.000 metros e 1.100 expositores, así que os que esteades pensando en ir mañá, último día, aconséllovos zapato cómodo. Hai dous pavillóns dedicados a Equiplast. En xeral dedicados a maquinaria de todo tipo. Como a miña formación é no terreo dos polímeros, eu paseimo xenial paseando por Equiplast, pero tamén volo recomendo aos novatos no tema, porque poderán ver máquinas producindo botellas de plástico, bolsas, tapóns, testos e todo tipo de obxectos en plástico. Sorprendeume ver varios exemplos de maquinaria de procesamento de tamaño reducido. A precisión que se pode acadar ao producir pequenísimos obxectos de plástico sorpréndeme, algúns expositores colocaban as pezas baixo unha lupa, para que os visitantes puidesen apreciar o detalle. Tamén tiven a impresión de que a maquinaria máis pequena debe ser forzosamente menos cara e quizais máis accesible nestes tempos que corren. Pero admito ideas ao respecto.

Moita maquinaria tamén relacionada coa reciclaxe dos plásticos. A variedade de provedores que serven este mercado dá unha idea do crecente interese nos reciclados. Algúns provedores de plástico fixéronme saber de que aínda que foi un bo ano ata agora, a baixada do petróleo fai que se lles volva a pór difícil. Dous exemplos interesantes sobre plástico reciclado parecéronme Pallmann e Química Massó.

Pallmann é unha compañía alemana cuxo tagline é “size reduction technology”, que xa é curioso de por si. Pero a min chamoume a atención un dos residuos triturados que mostraban, de feito un ao que lle dedicaron un prominente lugar: refugallo de PLA. Parece un detalle sen máis, pero eu creo que é representativo da crecente presenza do PLA no mercado, quizais máis en Alemaña que en España. Tamén ilustra a preocupación que suscita este aumento de uso do PLA, e é que aínda non temos moi claro como reciclalo nin como afectará á cadea de reciclaxe.

Química Massó, distribuidora entre moitas outras cousas de plástico, engadiu plásticos reciclados á súa oferta. Que compañías que venden plásticos provenientes do petróleo empecen a comercializar tamén reciclados paréceme un paso adiante na normalización deste tipo de produtos, xa que facilita a substitución directa sen cambiar de provedor.

Moitos produtores de plástico, como BASF ou DuPont encontrábanse en Expoquimia, en vez de Equiplast, o cal me resultou un pouco confuso. Teño que confesar que houbo momentos en que non tiña nin idea de se estaba en Eurosurfas ou Expoquimia, ou que non chegaba a entender porque algúns expositores, claramente de temática polimérica, non estaban en Equiplast. Cuestións organizativas a parte, os plásticos sempre teñen un gran peso cando se fala de industria química, así que nos seguintes posts volverei trataros. En especial espero poder dedicarlle tempo á documentación que recollín nas xornadas sobre plásticos biodegradables e escribir un post enterito dedicado a iso. Xa vos advirto de que haberá algo de polémica. Porque se non discutimos un pouco, tampouco avanzamos demasiado. Outra cousa que me fascinou, supoño que en boa parte pola miña falta de coñecemento, foron os tecidos non tecidos (non-wovens en inglés) e os filtros. E a combinación de ámbalas dúas cousas, filtros feitos de non tecidos.

Epara os incrédulos que cren que o plástico non se pode reciclar por motivos tecnolóxicos, deíxovos 2 fotos de maquinaria específica para reciclaxe de plástico. Evidentemente, en Equiplast había bastantes máis provedores de maquinarias para reciclaxe de plástico, este é só un exemplo. Pena que non encontrara ningún equipo dos máis novos, que son capaces de separar plástico de diferente cor ou composición. Outra vez será.

extrusora de Erema

Weima: tritura e granula

Deja una Respuesta

About Me

Lucía Castro Díaz

Son co-fundadora e coordinadora de Agalip, empresa especializada en solucións integrais de comunicación que desenvolve proxectos propios e para clientes. Tamén son consultora empresarial e realizo estudos de mercado, centrados na industria química e os materiais. Doctoreime en Ciencias Materiais pola Universidade de Oxford e traballei para Frost & Sullivan como analista. Falo inglés, francés, español e galego.

Twitter