Introducción
Algúns quizais lembredes unha entrada que escribi sobre blogues boicoteando o plástico. Desde que a escribín subscribinme a algúns deles con RSS e sígoos habitualmente, en especial gústame fixarme en que obxectos de plástico son os máis odiados. Probablemente en primeiro lugar nunha lista dos máis odiados se atoparían as bolsas de plástico, pero seguíndoas de cerca encóntranse as botellas. Hai varios aspectos que converxen nas botellas de plástico, en particular as de auga, facendo delas un branco perfecto para activistas e sendo unha fonte de preocupación para a poboación en xeral. Para empezar, vexamos de que están feitas as botellas.
Plásticos comunmente usados nas botellas
A maior parte das botellas de plástico que conteñen bebidas están feitas do PET, ou tereftalato de polietileno. O PET é un dos plásticos máis usados, en 2006 consumíronse 3,5 millóns de toneladas só en Europa Occidental. Aínda que o PET úsase noutras aplicacións ademais de botellas, a embalaxe e / ou os envases seguen sendo o seu terreo. É resistente, transparente e non se rompe facilmente.
Tamén existen botellas feitas de HDPE (polietileno de alta densidade) pero adoitan ser para outras cousas que non son bebidas, como produtos cosméticos. Algunhas aplicacións especialmente esixentes, como as botellas de dispensadores de auga ou os biberóns están feitos normalmente de policarbonato, PC. A seguridade do duro e transparente PC foi posta en cuestión varias veces, xa para fabricalo utilízase bisfenol A, unha molécula que pode confundirse co estróxeno, hormona feminina. Podedes informarvos da posición da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria, ou EFSA nas súas siglas en inglés, con respecto ao bisfenol aquí (EN)
Materiais de substitución
Aínda que o PET é dominante, un mercado tan grande segue tendo sitio para alternativas. Se un material que substituíse o PET conseguise facerse tan só co 0,1% da súa cota de mercado, isto representaría sobre unhas 3.500 toneladas, unha cantidade en absoluto desprezable. O maior competidor nestes momentos parece ser o acedo poliláctico, PLA. Os bioplásticos enfrontáronse durante anos á falta de aplicacións desenvoltas. Existen algúns produtos en que se estableceron xa, como as bandexas transparentes e ríxidas no caso do PLA. As oportunidades ofrecidas polo mercado das botellas non foron desdeñadas por NatureWorks, o maior e ata o momento único produtor de PLA. NatureWorks amosou grande interese en desenvolver formulacións que permitan crear botellas de PLA, así como en promover o deseño de botellas que se axusten ás propiedades do PLA. Algunhas das compañías que estiveron involucradas neste proceso son:
- Primo Water, Estados Unidos
- Husky – desenvolveu equipo de produción
- SIG Corpoplast – desenvolveu equipo de producción
Opcións de fin de vida
Reciclar botellas de plástico non supón un reto tecnolóxico. Sabemos como facero, de feito se se recollen e separan, reciclar botellas de plástico é bastante doado. Desgrazadamente a falta de sistemas de recollida, canda o limitado dos mercados para o plástico reciclado, fan que as porcentaxes de reciclaxe sexan bastantes baixos. Así que é bastante posible que a botella de plástico que usas, e que separas do teu lixo orgánico, acabe ao final no vertedeiro ou na incineradora. As botellas de PLA poderían ser compostables, falando de maneira hipotética, claro.
Alternativas reutilizables
Para os que esteades animados a facer algún cambio e reducir o voso consumo de usar e tirar, quizais vos apeteza dar unha volta por estas páxinas. Estas botellas de aluminio e esmalte melloraron moito, e desde logo non teñen nada que ver con aquelas que usaba eu cando ía de acampada.
Pregunta aberta en LinkedIN:
Como xa fixen na preparación doutras entradas, antes de escribir esta fixen unha pregunta aberta en LinkedIn, para tomarlle o pulso á opinión de profesionais de varios sectores. Podedes consultar as respostas seguindo a ligazón (en inglés):
LinkedIn open question: What is the future of bottled water?
Tamén podedes contestar á miña enquisa do mes, relacionada co tema da auga (columna da dereita)

