Levo tempo querendo escribir sobre os materiais que se usan nos coches, e en especial sobre os principais usos do plástico. O sector da automoción está a ser un dos peores afectados na crise e con el sempre caen as empresas auxiliares. Os produtores de coches, fabrican unha pequeñísima parte do seu produto, e en xeral dedícanse a deseñar e ensamblar pezas que outras compañías lles proporcionan, as auxiliares. Se a caída na compra de coches é un problema, a el únese que se están utilizando pezas e materiais que estaban en almacén, reducindo aínda máis a demanda normalmente xerada polo sector automovílistico. Evidentemente espérase que este dobre efecto se vaia reducindo, a medida que se esgotan as reservas. En 2008, o sector da automoción e das materias plásticas foron os dous con maior número de empregados afectados por ES en España, con 39.080 e 11.480 respectivamente (fonte: A voz de Galicia, 16 de febreiro de 2009).

O plástico é fundamental nos coches de hoxe en día, utilízase por todas partes. Invítovos a intentar adiviñar que partes do voso coche son de plástico, ademais das obvias. Non é doado, xa que sobre o 20% dun coche actual é plástico, e algunhas pezas están bastantes agochadas. As vantaxes que ofrece o plástico son baixo peso, baixo custe, facilidade de produción en masa. De feito, é en parte grazas aos plásticos que o coche medio gasta menos gasolina, porque simplemente pesa menos que os de fai 20 anos.

O plástico empezou a usarse no interior dos coches, no salpicadero, a escuma dos asentos, ou o volante. Hoxe en día resulta difícil dicir que partes do interior non son plásticas. Ademais úsanse no motor, para diminuír o ruído ou conducir fluídos varios, son fundamentais en sistemas de control e seguridade. Espero escribir algunha entrada máis sobre os materiais nos coches, como innovacións en pneumáticos ou como o polipropileno chegou a dominar o interior dos nosos coches. Polo de agora, deíxovos cun exemplo da capacidade de innovación silenciosa – porque os usuarios non a notan nin inflúe na súa compra – desta industria, que me resulta fascinante.

Fibras naturais!?

Fai non moito fixen un traballo de consultoría relacionado co uso de materiais renovables como recheo ou reforzo do plástico. Por exemplo, o serrín mestúrase con PVC ou poliolefinas para crear a madeira plástica, ou wood plastic composites, WPC. A fibra natural que máis se utiliza en Europa como compoñente de materiais compostos ou composites é o liño. A produción europea de liño viuse drasticamente reducida tralo movemento da produción téxtil a países asiáticos ou de Europa do Leste. No entanto, o coñecemento sobre o liño aínda se mantén, con algunhas empresas aínda activas grazas á alta calidade dos seus produtos.

liño

Este saber facer estáse a utilizar para obter fibras de liño de alta calidade (longas, resistentes, con tratamentos específicos), perfectas para o seu uso con termoplásticos. Estes composites son usados na súa maioría no sector da automoción, onde se usan para fabricar pezas grandes como paneis de portas. Substitúen aos termoplásticos ou a composites de fibras de vidro. Fronte a ambos os dous ofrecen vantaxes:

  • A fibra do liño é máis barata e segura de manexar que a do vidro
  • A peza construida con composite de liño ten un prezo similar á feita so con termoplástico
  • É máis seguro que o termoplástico, xa que en caso de choque a peza en composite non se rompe en anacos que puidan cortar, xa que as fibras manteñen mellor a estrutura
  • Reemplázase parte do material proveniente do petróleo por outro rápidamente renovable e de produción europea, é dicir, sustentable.

En xeral os composites de fibras naturais e termoplásticos manufactúranse mediante termoconformado. Para iso úsase unha estrutura de sandwich, onde unha capa de liño sen tecer sería a mortadela e o pan o termoplástico. Mediante a aplicación de calor dáselle forma á peza, ao mesmo tempo que os dous compoñentes, plástico e liño, se unen entre si. Algúns dos provedores para o mercado da automoción que ofrecen este tipo de material son Röchling Automotive ou Lear Corporation.

Case 1 de cada 5 coches producidos en Europa ten unha porta deste material, pero serías capaz de dicir se o teu coche ten unha? A pesar de que os produtores de automóbiles nos bombardean ultimamente coa súa preocupación polo medio ambiente, o cambio nos materiais usados para producir un coche non adoita ser parte das súas campañas. Os composites de fibras naturais gañaron o seu lugar no mercado grazas á súa excelente relación calidade-prezo, as melloras que supón fronte a outros materiais e o tesón dos produtores de liño por sobrevivir sen o mercado téxtil.