O mercado dos bioplásticos evoluciona rapidamente, pasando das plantas piloto á produción industrial en apenas 10 anos. Hoxe aventúrome a sinalar algunhas das tendencias actuais que definirán o seu futuro nos próximos 5-10 anos.

Mellora do produto

Os bioplásticos xa entraron no mercado, foron probados en numerosas aplicacións e prodúcense a nivel industrial. A pesar diso a súa penetración nas aplicacións durables segue sendo unha materia pendente. Nos próximos anos os produtores de bioplásticos xa establecidos deberán centrarse en mellorar o rendemento dos seus produtos. Para iso poden centrarse nalgúns dos seguintes factores:

  • Aumento do contido renovable no produto final, mediante o uso de aditivos, pinturas e adhesivos tamén renovables.
  • Obtención de certificacións relacionadas co contido renovable ou compostabilidade do material.
  • Mellora das propiedades empregando mesturas con plásticos provenientes do petróleo.
  • Penetración de mercados de bens durables, como o de produtos electrónicos ou automoción.

Para máis información déixovos esta presentación de Jim Lunt & Associates, con información sobre os actuais provedores de bioplásticos, aplicacións e tendencias de futuro.

Cambios na materia prima

Hoxe en día a maioría dos bioplásticos prodúcense partindo de amidón ou de azucre. O amidón obtense do millo ou da pataca. As fontes principais para o azucre son a cana de azucre, a remolacha e o millo. As fontes de azucre das que se obteñen bioplásticos son tamén usadas para producir bioetanol, base dos biocombustibles e por tanto certas tendencias son comúns a ambos. Unha das tendencias claras dentro do mercado dos biocombustibles é a procura de novas materias primas que substitúan ou complementen as xa existentes. Algúns dos motivos son:

  • A percepción de que os biocombustibles, ou outros produtos químicos, derivados das mesmas fontes que os alimentos fai que os prezos destes suban e por tanto supoñen un perigo para o consumidor final. Ou dicíndoo doutra forma, poderiamos acabar dando de beber aos nosos coches a comida doutras persoas. Esta é unha cuestión moi difícil e un debate para o que non me sinto cualificada para dar unha opinión. O que si está claro é que pode facer dano á imaxe destes produtos.
  • Abaratar custos: Aínda que a produción de bioplásticos abaratouse nos últimos anos, isto é principalmente debido ao paso a produción industrial. O uso de materias primas máis baratas será unha forma estable de reducir o custo final dos produtos.
  • O problema da escala: Se realmente quérese sustituir unha parte importante do noso consumo de produtos derivados do petróleo, imos necesitar moita materia prima. Isto pode levar a unha agricultura intensiva que pode ser daniña.
  • Xerar residuos: A parte das plantas que se utiliza nas biorefinerías na actualidade é pequena, polo que se xera unha gran cantidade de residuos orgánicos.
  • Adaptación da tecnoloxía: A tecnoloxía ideal é aquela que aínda sendo desenvolvida nunha parte do mundo (Estados Unidos e Europa no caso dos bioplásticos) pode ser exportada e adaptada con facilidade a calquera lugar do mundo.

Se temos en conta estes factores, dous claros candidatos aparecen como alternativas ás actuais materias primas: os materiais celulósicos e os residuos de todo tipo.

Do azucre e o amidón aos derivados celulósicos

Aquelas partes con baixo contido en amidón ou azucre que se descartan das actuais fontes, como as follas ou o talo, empezarás a poder ser aproveitadas. Tamén pode tratarse de fontes totalmente diferentes, como residuos forestais e agrícolas, que agora son desaproveitados. O uso de fontes celulósicas incrementaría o rendemento dos cultivos actuais e abarataría a produción. Ademais permitiría a produción de etanol, e os seus derivados químicos, a partir de novos cultivos non relacionados coa comida, como a herba ou mesmo árbores.

Cellulosic ethanol plant

Fuente: DuPont Danisco Cellulosic Ethanol LLC

Os residuos como materia prima

Os residuos urbanos e doutro tipo comezarán a ser viables como materias primas grazas á capacidade de adaptación de bacterias e algas. A vantaxe: redúcese a cantidade de lixo xerado e é barato. Ademais tamén supón poder implementar unha tecnoloxía en case calquera lugar do mundo, independentemente do seu clima, superficie cultivable ou cultivos existentes, xa que en todas partes hai lixo.

Consolidación do mercado

Dous mercados únense

As alianzas, que xa ven hoxe en día, entre empresas do sector agrícola e do sector químico serán aínda máis importantes. Se as grandes empresas petroquímicas ven como algo natural o ter capacidade de extracción de petróleo, será tamén habitual que conten cunha subministración asegurada de fontes renovables. Dow Chemicals, que pretende producir polietileno a partir de cana de azucre, tivo que cambiar de plans en Brasil ao romper a alianza con Crystalsev – azucreira brasileira. De feito, aínda que Dow prosegue co proxecto pola súa conta, declarou que volve buscar unha empresa coa que asociarse para asegurarse a materia prima: a cana de azucre.

As empresas agrícolas que entraron no negocio dos materiais, seguirán buscando aliados no mundo da química que lles axuden a mellorar os seus produtos e a distribuílos. Un exemplo é Futerro, empresa conxunta de Galactic (produtor mundial de ácido láctico) e Total Petrochemicals. Futerro produce PLA a partir do ácido láctico fornecido por Galactic e mediante a tecnoloxía de polimerización de Total, que tamén achega o seu coñecemento na distribución e venda de plásticos.

O peixe grande cómese ao pequeno

O mercado dos bioplásticos comeza a entrar nunha fase na que a consolidación é inevitable. Nos últimos 5 anos o número de empresas dedicadas a producir bioplásticos ou presentes nalgún punto da cadea de valor incrementouse, sendo xa centos. A isto únese o aumento dos beneficios que se dá ao pasar á fase industrial, combinado cunha industria petroquímica altamente comodizada que busca produtos de valor engadido para superar a crise. Isto fai supor que nos próximos 5 anos aquelas empresas no sector químico ou agrícola que poidan permitirllo comprarán empresas máis pequenas que conten con produtos ou tecnoloxía complementarias ás propias.

Conclusión

Aínda que resulta difícil saber até onde chegará un mercado tan dinámico, non me cabe dúbida de que seguirá crecendo dentro de 5 anos. Faranse máis comúns os plásticos convencionais de fontes renovables e as químicas diferentes buscarán os seus nichos no mercado. Crearanse empresas máis grandes mediante aglutinación de pequenos xogadores, á vez que se reforzarán as alianzas entre empresas agrícolas e químicas. Deixaremos de mirar a determinados cultivos como as únicas materias primas e haberá un maior enfoque en procesos capaces de converter calquera tipo de fonte nun material viable.

Entradas relacionadas

Bioplásticos, 5 anos despois

Categoría de bioplásticos en mundomaterial

Categoría renovable en mundomaterial